mardi, avril 10, 2007

PIGMALION



Velaí o mestre, o instructor, o fundador de dominios cimentados nunha estraña necesidade de preponderancias inútiles, velaí o protector: Pigmalión.

Cando Asor topou con este híbrido percibiu nel un raro desexo de ser, de prevalecer, pero a simpatía que lle inspiraba fixo que rexeitara estas ideas. Considerou que eran supersticiosas, propias dunha iniciada. Tendo isto en conta, Asor proxectou demoras para profundizar no coñecemento deste personaxe, ambiguo no que a bondade se refire. Foi creando lazos invisíbeis que sostiñan ese prodixio de empatías coincidentes, de razóns discutidas á sombra das árbores de Noruf e co tempo comprendeu a realidade: Pigmalión era un diletante.
O feito de ser un diletante no misticismo asorita provocou en Pigmalión unha furia de titáns contida que verquía en Asor por medio de censuras rancias e despropósitos. Este híbrido ten un sentido do ridículo fóra do común que non lle permite avanzar. É superado polos seus pupilos en todo, sobre todo no concepto do perdón e o amor. El non quere perdoar, nin esquecer, nin pedir axuda. Como se estes sentimentos o rebaixaran de categoría. No seu lar non florece a tenrura nin a piedade e o seu concepto de amizade pretende aristocracias absurdas que Asor non vai consentir XAMAIS. Malia todo ela quéreo e desexa que este híbrido recapacite, que non perda a perspectiva. Moitas veces ten medo a contarlle cousas porque o odio que alberga no corazón non lle permite comprendela e pretende sempre sometela ao seu imperio de razóns inexistentes. Ela fai rituais para que este ser que tanto a axudou nun pasado esqueza a dor, deixe as bolsas todas no lamazal e bote un riso completamente libre. Ten poucas esperanzas e intúe que unha dor vai inaugurar un baleiro novo. A autolatría ten estas cousas.